PDF - 792.3 KB
Líneas básicas del régimen post-Kioto. Cancún 2010

Ecoloxistas en Acción expón as súas directrices para o réxime climático post-Quioto que deben estabelecerse no Cumio de Cancún, que comeza hoxe mesmo no país americano, e que se alongará até o próximo 10 de decembro.

A loita contra o cambio climático a nível internacional require un nível de ambición e unhas liñas directoras moi diferentes aos mostrados ata o momento. En Cancún continúase o proceso para conseguir un acordo que debe incluír as seguintes condicións para lograr conter a mudanza climática dentro dunhas marxes aceptables para toda a poboación mundial:
- Os países enriquecidos, como máximos responsables do cambio climático, son os encargados de promover un acordo ambicioso, legalmente vinculante e xusto entre 2012 e 2020 evitando un baleiro legal entre o primeiro período de cumprimento do Protocolo de Quioto (2008-2012) e o novo acordo.
- O límite de aumento de temperatura debe ser de 1,5ºC a respecto dos níveis preindustriais para garantir que a mudanza climática non supoña unha ameaza maior do que xa hoxe en día non se poida evitar. Coherentemente, a concentración de estabilización de CO2-eq na atmosfera deberá ser de 350 ppm, chegando a senda de evolución das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro ao seu máximo no ano 2015.
- En consecuencia, os países emisores históricos deberán levar a cabo unhas reducións de emisións de gases de efecto invernadoiro do 40% sobre a situación de 1990. Para conseguilo dun xeito eficiente e duradeiro esta redución haberá de se realizar integramente en territorio de cada país.
- Os países enriquecidos, para saldar a débeda climática que teñen contraída e combater convenientemente o cambio climático, deben transferir aos países do Sur 275.000 millóns de dólares anuais para labores de mitigación e adaptación. O devandito diñeiro deberá ser adicional a outros compromisos anteriores, non deberá xerar nova débeda externa, e terá que ser controlado e xestionado por órganos públicos dependentes da Convención de Nacións Unidas ou similar.
- O Banco Mundial, como actor fundamental na promoción das enerxías fósiles no mundo e organismo fortemente antidemocrático controlado polos países que son responsables das alteracións climáticas, deberá ficar alleo a calquera xestión dos fondos resultantes do proceso internacional de loita contra o cambio climático.
- Deberase rexeitar a incorporación de novos mecanismos ao mercado, as reducións de emisións deberán realizarse integramente no territorio dos países enriquecidos, e a transferencia de tecnoloxía realizarase dende estes como pagamento de parte da débeda climática que teñen contraída cos países empobrecidos.
- Considérase moi necesaria a creación dun método de cálculo das emisións asignadas aos países (sobre todo os do Anexo I) que inclúa as emisións importadas doutros territorios a través da produción de bens de consumo, para evitar que se distorsione a realidade e conduza a conclusións e posicións negociadoras erróneas.
- España deberá aumentar a ambición do seu obxectivo no seo da UE para 2020, como medida de transición cara a unha equitativa repartición das emisións de carbono entre todos os habitantes do mundo. A devandita ambición en ningún caso será menor que a marcada polo obxectivo do Protocolo de Quioto para o noso país.