Ecoloxistas en Acción cualifica o texto como un grande oximorón, xa que intenta conxugar o crecemento económico coa loita contra a pobreza e a degradación ambiental. Mantéñense invariábeis as mesmas teses do modelo económico actual das últimas décadas, obviando que o crecemento se produce sobre a base da xeración de desigualdades e a devastación da natureza.

A ferramenta básica que se formula no borrador para alcanzar este crecemento é a mal chamada «economía verde». E, en vista do anterior, parece claro que cando o borrador fala de economía verde está a falar, basicamente, de seguir como até agora afondando na liberalización e a privatización, e non dunha imprecindíbel mudanza de modelo económico.

Esta mesma idea móstrase cando sinala como actores principais para lograr esta economía verde ás corporacións multinacionais. Mais, como é posíbel que entidades que teñen que maximizar os seus beneficios todos os anos para «ser competitivas» poidan, ao mesmo tempo, pilotar un cambio de modelo que fuxa da adición ao beneficio que xera a necesidade imperiosa de crecer de forma continuada? De feito, numerosos informes
[1] veñen denunciando a vulneración sistemática de dereitos humanos por parte das multinacionais. A concentración do poder económico e político do sector privado pola desregulación das lexislacións estatais e a inexistencia de normas obrigatorias para as empresas no dereito internacional están na base da actual crise.

Outros dos axentes da «mudanza» indicados son o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do Comercio. Ecoloxistas en Acción denuncia que, a estas alturas é imposíbel formular que estes organismos, que foron claves no desenvolvemento da economía globalizada, poidan servir para lle dar o xiro copernicano que necesita.

O documento afirma que «a economía verde non é un conxunto ríxido de normas, senón máis ben un marco de tomada de decisións». Igualmente sinala que «a economía verde non debe conducir á creación de novas barreiras comerciais». É dicir, que de Rio+20 non sairán acordos vinculantes e de obrigado cumprimento, senón un papel mollado de boas intencións que, ademais, reafirmen que a economía verde é a economía capitalista do desastre globalizado, pero pintada de verde.

Por se restase algunha dúbida, a economía verde que define Nacións Unidas baséase en «instrumentos do mercado», «asociacións entre o sector público e privado», investigacións sobre o capital natural mediante incentivos e políticas axeitadas. É dicir, espremer a natureza con novos nichos de mercado como a economía da biomasa, a privatización da biodiversidade ou o controvertido programa de REDD+ (Redución de Emisións por Deforestación e Degradación de Bosques) que ameaza a sobrevivencia dos pobos indíxenas e comunidades que dependen dos bosques, está a producir violacións aos dereitos humanos e podería resultar no despoxo masivo de terras.

Unha mostra máis de que non hai ningunha vontade de mudar a adición ao crecemento é que se afirma que os logros que se conseguiron foron grazas ao «dinamismo económico» e que o que non se conseguiu foi polas crises financeiras, as enerxías voláteis e os prezos dos alimentos, cando xustamente as políticas de libre comercio causaron a desregulación do sistema financeiro cobizoso e especulativo que á súa vez provocou a crise financeira e alimentaria.

Ecoloxistas en Acción pregúntase a que logros se refire o borrador, a non ter reducido, nin por efecto da crise, a curva crecente de emisións de gases de efecto invernadoiro?, a que máis do 80% do consumo enerxético mundial siga sendo a partir de combustíbeis fóseis e hoxe esteamos xa probabelmente no pico do petróleo?, ou a que as diferenzas entre os que máis teñen e menos teñen no mundo ampliáronse. Probabelmente se refira a que o número de automóbeis no mundo crece de forma robusta, ou a que considere a Cimeira de Durban de cambio climático como exitosa, unha cimeira na que o que se acorda de facto é que a temperatura global subirá por enriba do límite de seguridade dos 2ºC.

A organización ecoloxista quere lembrar que previamente ás crises financeiras e aos altos prezos dos alimentos, os indicadores mundiais xa ían mal, sobre todo os ambientais. Non é a crise a que xera este mundo desigual e ecocida, é o propio funcionamento do modelo urbano-agro-industrial capitalista.

Deste modo, cando o borrador fai unha chamada ao «consumo e a produción sustentábeis» formula outro oximorón, pois non é posíbel tornar sustentábel a produción e o consumo nun ámbito de crecemento. A sustentabilidade é redistribuír a nível planetario os níveis de consumo, a partir dunha redución drástica en rexións como a UE ou os EUA.

En todo caso o Borrador Cero ten algúns tímidos elementos positivos. Por exemplo, reafirma acordos como «o principio de responsabilidades comúns pero diferenciadas», que foron eliminados do catastrófico acordo climático de Durban, e o «dereito soberano sobre os recursos naturais». Tamén promove a eliminación progresiva das subvencións que teñan efectos considerabelmente negativos sobre o medio.

En resumo, o texto base volve recoñecer a gravidade de problemas como o quentamento global e a perda de biodiversidade, mais de nada serve diagnosticar os problemas se as solucións que se pretenden aplicar son as súas causas con elementos de voluntarismo e non de medidas de obrigado cumprimento.

Notas