Esta semana o Secretario de Estado do Ambiente, no seu papel de presidente do PNUMA, fixo un chamamento aos seus colegas ministros do ramo, na reunión preparatoria da Conferencia de Rio+20, para que considerasen a xestión dos ecosistemas como unha oportunidade económica para saír da crise. Para Ecoloxistas en Acción esta aposta pola chamada «economía verde» afonda na privatización da natureza e a apropiación do ben común, con consecuencias nefastas para o planeta e para os máis pobres.

A estrea de Federico Ramos de Armas, Secretario de Estado do Ambiente, como presidente do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), deixou clara cal é a aposta do goberno español de cara á Conferencia de Rio+20, que se celebrará a finais de xuño na capital brasileira, 20 anos despois da famosa cimeira da Terra. Após insistir na idea xa pregoada polo ministro Arias Cañete de que a protección ambiental só pode ir da man do crecemento económico, Ramos de Armas deixou entrever que a xestión dos ecosistemas interesa porque pode xerar dividendos, en liña coa chamada «economía verde» abandeirada polas grandes corporacións, que baixo o discurso da sustentabilidade pretenden facer caixa en Rio+20.

PDF - 247 KB
Documento de posición Rio+20 (ES)

Ecoloxistas en Acción quere alertar sobre este pulo pretendidamente sustentábel dos grandes grupos económicos. A economía verde, non traerá tal como se formula e en contra do que se afirma, solución aos problemas ambientais e xustiza social. Tras 20 anos de aplicar receitas de crecemento, a situación ambiental é peor e a desigualdade social maior. Para Ecoloxistas en Acción esta situación de inxustiza social e ambiental seguirá non só existindo senón que se fará aínda máis profunda mentres non mude o modelo económico que a sustenta: un modelo baseado no crecemento continuo e sen fin, que necesita consumir cada vez máis recursos para seguir funcionando, e que só pode facelo á custa do ambiente e das poboacións máis desfavorecidas.

A economía verde que se formula a día de hoxe é unha forma máis de capitalismo, que por lóxica estrutural non poderá ser nunca inclusivo xa que se basea na diferenza. Ao tempo que se recoñece que os recursos son finitos, só se formulan medidas de eficiencia no uso destes, non unha redución absoluta até converxer coa «cota ecolóxica» de cada país. Face ao horizonte do esgotamento dos combustíbeis fóseis, no canto de propór unhas follas de rota de diminución da produción e o consumo de enerxía nos países enriquecidos, que permita un incremento nos países máis empobrecidos até niveis dignos de benestar material, formúlanse parches para mitigar o problema presente das emisións, como a captura de carbono, a xeoenxeñaría, ou a bioloxía sintética. Oportunidades de negocio para as grandes corporacións.

Fronte ás falsas solucións é necesario contrapoñermos xustiza ambiental e social. Nun mundo en crise con recursos limitados, cómpre priorizarmos as accións que contribúan á redistribución da riqueza e á transición cara a un modelo realmente sustentábel antes que a aventuras tecnolóxicas que só conducen a máis desigualdades e ao debilitamento das institucións democráticas mentres crece o poder das corporacións, tal como a experiencia nos demostra.

Ecoloxistas en Acción urxe aos gobernos reunidos en Río+20 a mudaren radicalmente o enfoque e a traballaren por unha economía ecolóxica, que opere dentro dos límites dos ecosistemas e que consiga satisfacer as necesidades reais da cidadanía, que ha ser necesariamente parte das solucións.