Con ocasión do cumio Rio+20 presentan en Madrid o informe “Globalizar el hambre” que expón as consecuencias devastadoras das políticas agrícolas e comerciais da UE para os países do Sur.

Un tema central do Cumio Rio+20 de Nacións Unidas e das mobilizacións do Cumio dos Pobos pola Xustiza Social e Ambiental que comeza mañá, será a agricultura. Por iso, varias organizacións e plataformas demandaron hoxe en rolda de prensa ao goberno español, á Unión Europea e á ONU responder urxentemente á crise alimentaria que afecta a miles de millóns de persoas no mundo.

O informe «Globalizar el hambre: Impactos de la Política Agrícola Común (PAC) y de las políticas comerciales da UE en la soberanía alimentaria y los países del Sur» foi publicado na súa versión en castelán por ACSUR-Las Segovias, Ecoloxistas en Acción, Plataforma 2015 e máis e a Plataforma Rural. A publicación está dispoñíbel tamén gratuitamente online.

Esta investigación demostra como as subvencións ás grandes empresas agroindustriais europeas contribúen de forma directa á xeración de fame, pobreza e a destrución ambiental nos países onde exportan os seus produtos ou de onde importan as súas materias primas.

Magali Thill, de ACSUR-Las Segovias e da Plataforma 2015 e máis explica: «A PAC permite ás grandes empresas da agroindustria europea exportaren a prezos competitivos con impactos devastadores para as e os produtores pequenos nos países do Sur. Desde o punto de vista do desenvolvemento humano a PAC é unha aberración porque as subvencións á agroindustria supoñen unha contradición profunda cos compromisos da UE coa erradicación da pobreza».

Un exemplo evidenciado no informe é o caso das exportacións de leite en po de empresas como Nestlé ou Danone, que destruíron os mercados locais de produción familiar de leite, eliminado emprego, creando fame e forzando a migración de milleiros de gandeiros en países como Camerún.

«Denunciamos que a PAC e as políticas comerciais da UE son unhas das causas principais da crise ecolóxica e social, causando a perda de biodiversidade e de solo fértil, o esgotamento de recursos, a mudanza climática e a contaminación da auga. Como primeira potencia de comercio agrario, a UE require o acceso a materias primas baratas para a agroindustria europea, como a soia, que a día de hoxe supón a ocupación e o roubo de máis de 20 millóns de hectáreas de terras en países como Arxentina e Brasil. Isto viola o dereito á alimentación de millóns de persoas e provoca o quecemento global», manifesta Tom Kucharz de Ecoloxistas en Acción.

Rafael Hernández, membro da executiva de COAG e A Vía Campesiña, a maior organización de agricultores do mundo: «estaremos en Rio+20 mobilizándonos pola soberanía alimentaria como única alternativa para evitarmos a fame e o cambio climático». «A PAC está rexida polas políticas de libre comercio e supón uns prezos baixos que non alcanzan a cubrir os custos de produción, o que empobrece os agricultores en Europa e no Sur», engade.

O informe relata numerosos exemplos de políticas que afectan á poboación no Sur, quen ademais de perder os seus medios de subsistencia, está exposta a graves riscos sanitarios debido á toxicidade do modelo de produción. Por exemplo, a importación de soia tivo como consecuencia o aumento do uso de agrotóxicos en Latinoamérica. A fumigación de herbicidas afecta gravemente á saúde das persoas que viven perto das plantacións de soia que experimentou un aumento de nacementos de nenos con malformacións, abortos espontáneos e índices de cancro.