Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa

Todas as versións deste artigo : [Castellano] [Galego]

No Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa (PHGC) advírtense unha serie de deficiencias, como o feito sumamente grave da indefinición dos caudais ecolóxicos. Segundo o Plan, para a súa definición faranse os estudos pertinentes posteriormente, o cal incumpre claramente a Lei de Augas e a Directiva Marco da Auga.

No Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa (PHGC) advírtense unha serie de deficiencias, que pasamos a comentar:

- Caudais ecolóxicos.

Non se definen os caudais ecolóxicos. Simplemente dise que, até que non se fagan os estudos pertinentes, entenderase como tal o 10 % do caudal medio anual en réxime natural, e que en período de seca poderase excepcionalmente non respectar os caudais mínimos, deixando no río como mínimo o 50 % do caudal circulante.

Entendemos que o PHGC debería incorporar xa definidos os caudais ambientais para todos os tramos (ou polo menos para os principais), de acordo coa definición estabelecida na Lei de Augas e na Directiva Marco de Augas (DMA). A cifra do 10% do caudal en réxime natural non é válida, pois nunha boa parte dos casos, incumpre a definición de caudais ambientais estabelecida na Lei de Augas.

- Reservas naturais fluviais.

No PHGC exponse a creación de tan só 13 reservas naturais fluviais, cifra de xeito evidente insuficiente, dadas as características desta demarcación.

- Recursos hídricos dispoñíbeis.

A diminución dos recursos na bacía que se considera como consecuencia do cambio climático, é de tan só un 2 %, cando segundo información do Ministerio de Medio Ambiente, nas bacías do norte, no período 1995-2005, as achegas ás canles en réxime natural, reducíronse un 11,3 %, a respecto do período 1940-1995. Ademais, a tendencia de redución continúa. É dicir, na planificación hidrolóxica que se fai no PHGC, está a contarse cunha auga que simplemente non existe.

- Demandas.

As dotacións estabelecidas para os abastecementos urbanos son excesivamente altas (entre 210 e 410 l/hab. e día.), non expóndose reducións para os próximos anos (na Comunidade de Madrid o consumo por habitante reduciuse desde 1991 a 2011 nun 30 %).

Asemade, as dotacións de auga previstas para o regadío considéranse altas, non primando o uso de técnicas que minimicen o consumo.

No tocante aos aproveitamentos hidroeléctricos contémplase, tanto a repotenciación como novos aproveitamentos, sen facer mención apenas á aplicación de medidas tendentes a minimizar a afección ambiental. Neste sentido, consideramos que nesta bacía existen xa suficientes aproveitamentos hidroeléctricos, algúns de grande impacto ambiental. Por tanto, consideramos que debería limitarse o estabelecemento de infraestruturas deste tipo e, no caso de levarse a cabo, deberían levar asociadas a adopción de todas as medidas necesarias para minimizar a afección ambiental.

No PHGC, no canto de baixar o consumo total de auga na conca, prevén un incremento para o horizonte 2015 dun 3 %, e dun 4,7 % para 2027.

Por todo o exposto, Ecoloxistas en Acción rexeita o Plan Hidrológico da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, presentado no Consello Nacional da auga de data 28 de xuño de 2012, solicitando que se modifique no sentido do expresado no presente documento.




Visitantes conectados: 432