PDF - 780.9 KB
Informe sobre la calidad del aire en el Estado español durante 2011

Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe sobre a calidade do aire no Estado español durante 2011. Entre as conclusións máis relevantes do traballo, despréndese que un 94% da poboación respira aire que supera os índices recomendados pola Organización Mundial da Saúde. Se nos atemos aos límites de contaminación que marca a lexislación, a porcentaxe de poboación afectada sería do 22%, 10,4 millóns de persoas. A situación, a pesar da súa gravidade, mantense nuns niveis estábeis nos últimos anos, sobre todo polo efecto da crise. O principal axente contaminador do aire é o tráfico nas zonas metropolitanas. As Administracións non están a adoptar as medidas necesarias para solucionar este serio problema de saúde pública.

O estudo, realizado como cada ano por Ecoloxistas en Acción, analiza a calidade do aire que respira a práctica totalidade da poboación española (47,02 millóns de persoas en xaneiro de 2011). Os datos utilizados proveñen dos que facilitan as Administracións autonómicas a partir das súas redes de medición da contaminación.

Os resultados máis relevantes deste estudo son os seguintes:
- Os contaminantes que máis problemas de saúde orixinan no Estado español durante 2011 son as partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), o ozono troposférico (O3), o dióxido de xofre (SO2) e o dióxido de nitróxeno (NO2). Para a valoración da porcentaxe de poboación española que respira aire contaminado tivéronse en conta todos estes contaminantes.
- A poboación que respira aire contaminado no Estado español, segundo os valores límite estabelecidos pola Directiva 2008/50/CE, é de 10,4 millóns de persoas. Isto é, un 22% da poboación respira un aire cuxa contaminación supera os límites legais.
- Se se teñen en conta os valores recomendados pola OMS, a poboación que respira aire malsano increméntase até os 44,3 millóns de persoas. É dicir, un 94% da poboación. A destacar que o informe publicado a semana pasada sobre a calidade do aire en Europa pola Axencia Europea do Medio Ambiente utilizou esta mesma metodoloxía de análise –referida ás recomendacións da OMS– que vén usando Ecoloxistas en Acción desde hai anos.
- A principal fonte de contaminación en áreas urbanas (onde vive a maior parte da poboación) é o tráfico rodado.
- Do mesmo xeito que nos anos seguintes a 2007, durante 2011 rexístrase unha pequena redución dos niveis de contaminación a respecto de anos precedentes, algo que –como vén apuntando esta organización ecoloxista– segue ocorrendo máis por razóns conxunturais que pola aplicación de medidas planificadas e orientadas a mellorar a calidade do aire. Entre as causas desta situación salientan: a redución da mobilidade orixinada pola crise (o consumo de combustíbeis de automoción en 2011 é un 14,8% inferior ao de 2007, aínda que se experimentou un repunte en 2011); a diminución da actividade industrial debido á conxuntura económica; e por último, a evolución do parque automobilístico cara a vehículos máis pequenos e eficientes e, por tanto, menos contaminadores.

Ecoloxistas en Acción quere destacar que a contaminación do aire é un asunto moi grave: estudos da Comisión Europea cifran en 19.940 os falecementos prematuros ao ano en España por esta causa [1]. A pesar diso, as Administracións non están a tomar as medidas necesarias para solucionalo. En particular:
- As superacións dos límites legais véñense repetindo de forma sistemática nos últimos anos. A Comisión Europea iniciou, en xaneiro de 2009, un procedemento de infracción contra España polo incumprimento da normativa sobre calidade do aire que está a piques de levarnos ao Tribunal de Xustiza Europeo.
- A información á cidadanía non é nin adecuada nin axustada á gravidade do problema.
- Os Plans de Mellora da Calidade do Aire e os Plans de Acción para reducir esta contaminación, obrigatorios segundo a lexislación vixente, en moitos casos non existen, e noutros apenas teñen efectividade por falta da vontade política para acometer medidas estruturais. Estes plans son responsabilidade das Comunidades Autónomas e dos Concellos.
- O anterior Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño aprobou in extremis un Plan Nacional de Mellora da Calidade do Aire que non se puxo en marcha. Pola súa banda, o actual Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente sinalou que pretende modificar o devandito plan e a Lei de Calidade do Aire para tornalos «máis realistas», algo que non convida ao optimismo sobre a ambición para reducir a contaminación.

Ecoloxistas en Acción lembra que as principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire pasan pola diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e a potenciación do transporte público (en especial o eléctrico), ademais de dar facilidades aos medios non motorizados nas cidades. Polo seu lado, para mellorar o aire das zonas industriais a mellor estratexia é a adopción xeralizada das mellores tecnoloxías industriais dispoñíbeis e a redución drástica da xeración eléctrica por centrais térmicas.

Notas

[1] Dirección Xeral de Medio Ambiente, Comisión Europea, 2005: CAFE CBA: Baseline Analysis 2000 to 2020. pág 105