Ecoloxistas en Acción lanza unha campaña en defensa do espectáculo circense feito por e para humanos.

A Ecoloxistas en Acción gústalle o circo, un lugar cheo de maxia, trapecistas, pallasos e música. Defende ese espectáculo de arte e alegría no que os malos tratos de animais non teñen cabida. Por iso, lanza unha campaña para reivindicar o circo por e para humanos, que inclúe mocións, ciberaccións e actos informativos.

A pesar da gran sensibilidade social existente contra os malos tratos animais en circos e outras instalacións ambulantes, polo menos 27 circos continuaron utilizando animais nas súas xiras polo Estado español durante 2012, segundo as investigacións de Ecoloxistas en Acción. Baixo as súas carpas explótanse animais, entre eles 22 especies diferentes de mamíferos. Tigres, elefantes, leóns ou hipopótamos figuran entre as especies que viven en cativerio, afastados dos seus hábitats naturais e sometidos a unhas condicións de vida totalmente antinaturais.

Por iso é necesario articular mecanismos para erradicar esta práctica completamente. O primeiro deles é concienciar a aquelas persoas que queiran gozar do circo este nadal de que este debe ser un espectáculo feito por e para uns animais moi concretos, os humanos.

E tamén promover prohibicións, como xa o fixeron máis dun centenar de municipios libres de circos con animais. A campaña de Ecoloxistas en Acción promoverá nos próximos meses a presentación de mocións en Concellos e Comunidades Autónomas para conseguir que a prohibición dos malos tratos se estenda aínda máis.

A campaña continuará con ciberaccións e accións de sensibilización en todo o Estado español que promovan circos nos que espectadores e artistas gocen, para que de verdade, e como di a canción, nos alegren sempre o corazón.