PDF - 413.9 KB
Análisis de la mitad de la legislatura en materia de Medio Ambiente

O día que se cumpren exactamente dous anos desde a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno, Ecoloxistas en Acción presenta o informe «Análisis de la mitad de la legislatura en materia de Medio Ambiente«. Foron tantas as mudanzas en normativa ambiental e políticas públicas relacionadas, que resultaba necesario estudalas en perspectiva. O balanzo apunta a un retroceso de dúas décadas.

«Vimos un auténtico desmantelamento da protección ambiental», resumiu Paco Segura, un dos coordinadores de Ecoloxistas en Acción. «Aprobáronse ou modificáronse leis co obxectivo último de facer negocio cos recursos naturais de todos», explica, pondo como exemplo unha Lei de Costas que inclúe excepcións a medida e privatiza de facto grandes cantidades de terreo no litoral.

É precisamente esa lei a que marcou o inicio da «avalancha da desprotección», como explica Nerea Ramírez, outra das coordinadoras. Seguíronlle outras reformas moi significativas, como a Lei de Parques Nacionais, que se aprobará en breve e todo parece indicar que permitindo actividades de alto impacto nos lugares máis «sacros» para a natureza. Ou como a Lei de Impacto Ambiental e os seus bancos de conservación, que meten a biodiversidade na lóxica do libre mercado.

«Rexístrase unha mercantilización de bens esenciais, a auga, os caladoiros, os ecosistemas. Os mercados están ávidos de novos nichos aínda que nos levemos por diante os propios fundamentos do mantemento da vida», explica Theo Oberhuber. A creación de emprego que se deriva destes cambios é moi limitada, as sospeitas de portas giratorias, en cambio, son grandes.

As mudanzas e leis non só chegaron do Ministerio de Medio Ambiente senón tamén doutras carteiras e administracións. E moitas delas van totalmente en contra do que pide a cidadanía. É o caso da reforma eléctrica á conta do peto de todos e da produción de enerxías renovábeis. E tamén é o caso dos plans de prospeccións petrolíferas en Canarias e Baleares ou do fracking fronte ao rexeitamento xeneralizado.

A sociedade non só asiste á desregulación ambiental, senón que ten cada vez máis difícil protestar contra ela. As crecentes dificultades de acceso á xustiza únense a plans como o da Lei de Seguridade Cidadá, que tamén obstaculizará a contestación social e ecoloxista.

En definitiva, como pode contrastarse de forma máis ampla no informe, os cambios que se levaron a cabo durante estes dous anos nos retrotraen a unha situación de hai máis de dúas décadas. Unha auténtica involución da política ambiental.