JPEG - 15.2 KB
[Informe] La amenaza global asalta lo local

Ecoloxistas en Acción publica un informe que mostra como os municipios españois e as comunidades autónomas atópanse no punto de mira do Tratado Transatlántico de Libre Comercio (TTIP polas súas siglas en inglés). Tratados de libre comercio que o preceden, como o CETA, fixeron saltar as alarmas a respecto diso. Coa entrada en vigor do tratado entre Estados Unidos e a Unión Europea, a autonomía das administracións autonómicas e municipais, recoñecida como un dereito constitucional, ficaría gravemente ferida.

Ao longo do informe 'La ameaza global asalta lo local: el TTIP en municipios y comunidades autónomas» ponse de manifesto como a liberalización do comercio representa un perigo para a democracia global desde o local, ao antepor sistematicamente o interese comercial de empresas transnacionais ao ben común. As elites políticas e os grandes monopolios presentan o TTIP como a solución máis eficaz para o crecemento económico e a creación de emprego. No entanto, numerosos estudos mostran o contrario. De igual maneira, subliñamos que os aspectos sociais e ecolóxicos deben ser considerados de primeira orde en calquera negociación comercial.

Coa entrada en vigor do TTIP, tanto municipios como comunidades autónomas perderán grande parte da súa capacidade para xestionar materias de vivenda, sanidade, medio ambiente, servizos sociais, educación ou alimentación. Os concellos, por exemplo, atoparanse ante unha realidade na que estará prohibido calquera intento de aplicar criterios de proximidade, desenvolvemento sustentábel local, a aplicación de moratorias a nivel local sobre prácticas perigosas en zonas de alta sensibilidade ambiental, ou restrinxir o uso de técnicas que se consideren perigosas (pesticidas, transxénicos ou hormonas).

Tal é a magnitude do ataque que o TTIP producirá á administración local dos Estados que os municipios de moitos países europeos xa están a tomar medidas exemplares de resistencia perante a vulneración sistemática das liberdades. Países como Alemaña, Austria, Reino Unido, Holanda, Italia, Bélxica ou Francia contan con centos de municipios que aprobaron mocións nos seus concellos para se declarar municipios libres do TTIP e CETA. Esta reacción ante a violación da autonomía municipal tamén chegou a España. Grandes cidades como Barcelona, Valladolid, Valencia ou Sevilla situáronse en contra do tratado e declaráronse, mediante mocións presentadas nos concellos, municipios libres do TTIP e CETA. Así mesmo, a capital catalá acollerá os días 21 e 22 de abril o primeiro encontro panaeuropeo de territorios libres de TTIP e CETA.

A investigación de Ecoloxistas en Acción revela a fraxilidade das políticas municipais españolas fronte ao TTIP, debullando unha a unha as competencias locais en risco. Cómpre sinalarmos que o CETA e o TISA afectarán igualmente as competencias autonómicas. Todas as negociacións enmárcanse nunha contorna de falta de transparencia e segredo, e sitúannos nun contexto no que as persoas e os seus organismos políticos máis próximos están supeditados aos beneficios económicos do mercado global.