Coa vaga de calor que vén sufrindo a maior parte do país nos últimos días, o intenso tráfico motorizado que soportan as principais cidades e estradas galegas e o incremento do consumo de electricidade producida en centrais térmicas de carbón polo uso de aire acondicionado, provocaron que se disparen os niveis de ozono, sen que se estean adoptando as medidas legalmente previstas para protexer a poboación.

Onte domingo producíronse nas Rías Baixas 8 superacións do limiar de información de ozono troposférico, estabelecido pola normativa en 180 microgramos de ozono por metro cúbico de aire, como media horaria. 7 destas superacións producíronse na estación de control da contaminación de Noia e a oitava na estación móbil da Xunta na Illa de Arousa. A máxima contaminación rexistrouse na estación de control de Noia, onde ás 6 da tarde alcanzouse un nivel de ozono de 228 microgramos por metro cúbico.

Ambas as estacións son representativas da calidade do aire das zonas Franxa Fisterra-Santiago e Sur das Rías Baixas, entre as provincias da Coruña e Pontevedra, cunha poboación de 700.000 habitantes e onde durante o día de onte decenas de miles de persoas gozaban dun día de praia desenvolvendo actividades de risco ao aire libre que puxeron en perigo a súa saúde. A estación de Noia é xestionada directamente polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA).

A previsión da superación do limiar de información obriga ás autoridades competentes a advertiren ás persoas máis sensibles á contaminación atmosférica, tais como nenos e nenas, persoas maiores, mulleres xestantes ou persoas con problemas respiratorios ou cardiovasculares, de que se protexan evitando nas horas centrais do día e ao fin da tarde calquera esforzo físico e os exercicios ao aire libre. Tamén deben informar sobre a previsión de evolución da contaminación, as áreas afectadas e a duración do episodio.

No entanto, nin a Xunta de Galicia nin o MAGRAMA difundiron onte ningún aviso á poboación durante este episodio de moi elevada contaminación por ozono, incumprindo a súa obriga legal e deixando desasistidos aos 700.000 habitantes e as decenas de miles de visitantes das dúas zonas afectadas. A Xunta limitouse a incluír un aviso na súa Web sobre calidade do aire advertindo que “ao longo do fin de semana espéranse elevados niveis de ozono en toda Galicia, puidendo superarse o limiar de información”. A falta de información adecuada trátase dunha grave neglixencia dos Gobernos autonómico e central, que deberían estar coordinados ante estas situacións de emerxencia.

Perante a persistencia dos elevados niveis de ozono durante polo menos hoxe luns, de acordo ás previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía e a Xunta de Galicia, Ecoloxistas en Acción demanda a adopción das medidas necesarias de urxencia para evitar volver alcanzar o limiar de información por ozono. Medidas que deben pasar pola limitación do tráfico urbano e interurbano e do funcionamento das centrais térmicas galegas de carbón, principais emisores dos contaminantes precursores do ozono.

Así mesmo, esixen ás administracións autonómica e central que cumpran coa súa obriga de manter informada á poboación, garantindo o dereito á saúde pública.

O ozono troposférico, tamén coñecido como ozono “malo” por contraposición ao da estratosfera, é un contaminante secundario producido pola reacción entre a luz solar e o dióxido de nitróxeno e os hidrocarburos emitidos polos automóbiles e algunhas industrias.

Por inhalación, provoca irritación dos ollos e vías respiratorias superiores, un incremento do risco de enfermidades respiratorias agudas e redución da función pulmonar, así como o agravamento de patoloxías cardiovasculares.

A OMS estima en 1.800 os falecementos prematuros anuais en España producidos como consecuencia da exposición a niveis de ozono como os rexistrados estes días. O ozono, ademais de para as persoas, é tamén tóxico para a vexetación, danando os bosques e reducindo a produtividade dos cultivos.