O 13 de novembro de 2002 un petroleiro con 77.000 toneladas de fuelóleo atópase á deriva fronte ás costas de Muxía. Comeza así a catástrofe do Prestige.

As pegadas non borradas do Prestige

22 de xaneiro de 2013

Dez anos despois do afundimento do Prestige fronte ás costas de Galicia e a vertedura de toneladas de fuelóleo, os efectos da marea negra parecen seguir sendo visíbeis. Así o puideron comprobar representantes de Ecoloxistas en Acción durante unha inspección visual na Costa da Morte.

PDF - 554 KB
Informe Efectos del vertido del Prestige en la Costa da Morte (Galicia), diez años después

A visita ás praias Enseada de Cuño, Praia de Moreira e Praia do Rostro permitiu ver restos de chapapote nas pedras e nos intersticios das rocas. O mar aínda trae á costa pequenas galletas de chapapote.

A compilación de fotografías no litoral permite deducir que os restos da vertedura deixaron pegadas aínda máis indelébeis nos fondos mariños. Por iso, Ecoloxistas en Acción reclama que se realicen estudos científicos exhaustivos sobre a situación dos ecosistemas costeiros das costas galegas e cantábricas. Estes estudos deben ser independentes e ir alén dos intereses políticos.

As pegadas dun accidente de semellantes dimensións afectan a natureza durante décadas e o necesario coidado e limpeza debe tamén continuar a longo prazo.

Pero, o que é máis importante aínda, teñen que se garantir as condicións para que un desastre ambiental así nunca volva repetirse. Todos os responsábeis deben render contas, tamén os políticos. Os dirixentes daquel momento deberían comparecer no xuízo do Prestige como imputados e non só como testemuñas.

**********************

Eu acuso os responsábeis políticos da catástrofe do Prestige

16 de outubro de 2012

“Permitídesme que me preocupe pola vosa gloria e vos diga que a vosa estrela está ameazada pola máis vergoñosa e indelébel mancha?”. Así comeza a carta aberta dirixida ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy o día que comeza o xuízo do Prestige. Un proceso no que os principais responsábeis políticos non están imputados, tal e como se acusa na proclama publicada por Ecoloxistas en Acción, que convida a sumarse á cidadanía a través dunha recollida de sinaturas.

PDF - 239.8 KB
Facsimil Yo Acuso

Hai 114 anos o escritor francés Émile Zola rompeu a conspiración de silencio en primeira plana coa súa carta aberta “J’accuse!”, na que apuntaba cara ao Presidente da República polo chamado caso Dreyfus. Un inocente fora inculpado dun caso de espionaxe para salvar a reputación dos verdadeiros culpábeis.

Outro caso de chibos expiatorios repítese agora co caso do Prestige. Unha das maiores catástrofes ambientais da historia pretende saldarse cun proceso no que os responsábeis políticos non sentan no banco. “Polo momento, o xuízo que demorou unha década non vos terá de imputado, labazada suprema a toda verdade, a toda xustiza”, lembra a carta de Ecoloxistas en Acción, escrita como un facsímile do século XIX.

José María Aznar, Mariano Rajoy, Miguel Arias Cañete e Francisco Álvarez Cascos figuran entre os responsábeis que menciona a carta, causantes de que “moitas conciencias permanezan turbadas profundamente, inquiétense, busquen…”

Como Zola proclamou hai máis dun século, Ecoloxistas en Acción conclúe que “só un sentimento móveme, só desexo que a luz se faga e o imploro en nome da humanidade e o medio ambiente, que sufriron tanto e que teñen dereito a ser felices”.

Prestige: moito que limpar

10 anos despois, o chapapote segue manchando ecosistemas e políticos

Axiña fará dez anos que un petroleiro chamado Prestige partiuse en dous, provocando unha marea negra de 77.000 toneladas de fuelóleo fronte a Galicia, afectando a Asturias, Cantabria e Euskadi. Unha década desde que milleiros de persoas se enfundaron en monos brancos para limpar esa masa negra e viscosa de praias e cantís. Dous lustros desde que un cúmulo de mentiras e incompetencias desencadearon un dos maiores desastres ecolóxicos que se lembran. Un aniversario que coincide co inicio dun proceso no que os responsábeis políticos non serán xulgados.

No proceso, que comezará o 16 de outubro, están imputados os oficiais do vello petroleiro e o exdirector xeral da Mariña Mercante, o único representante da Administración acusado. Mais non sentarán no banco moitos dos nomes que lembramos e que seguen manchados coa lembranza do chapapote.

Tamén queda chapapote enterrado en areais e fondos mariños, actuando como un contaminante con efectos crónicos sobre estes ecosistemas. A día de hoxe, non se coñece o alcance real desta catástrofe, pero si se sabe que seguen permitidas moitas das prácticas que poderían provocar novos desastres e que a nosa dependencia do petróleo continúa sendo unha ameaza.

Ecoloxistas en Acción non quere que se pase por alto todo e todos os que restan por limpar. E tampouco quere que se esquezan os esforzos de voluntarias e voluntarios que mostraron moita máis responsabilidade cara á natureza que os seus dirixentes. Na páxina de facebook: «Eu limpei chapapote», convidamos a partillar experiencias e a participar en accións contra o esquecemento da catástrofe. Porque aínda queda moito por limpar.

Únete: https://www.facebook.com/yolimpiechapapote

10 leccións non aprendidas da catástrofe do Prestige

O Prestige afundiuse fronte á costa galega en novembro de 2002. O naufraxio deste petroleiro, cargado con 77.000 toneladas de fuelóleo, produciuse despois dun cúmulo de erros políticos e de xestión que impediron ao buque refuxiarse nalgún abrigo, o que reduciría drasticamente a vertedura, que se produciu após o afundimento contaminando as costas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.

Todos e todas vimos as imaxes dese desastre ecolóxico. Pero, pode volver pasar unha catástrofe así? Aprendemos algunha lección?

PDF - 546.8 KB
10 leccións non aprendidas da catástrofe do Prestige

1. Impunidade dos responsábeis políticos

A decisión de afastar da costa o petroleiro accidentado tomouse en contra de profesionais e científicos, que de forma clara apostaban por levar o barco a un lugar abrigado. Mais ningún responsábel político da xestión desta traxedia pagou polos seus tremendos erros. Tampouco pediron perdón. Á fronte do Goberno que xestionou de forma tan nefasta este asunto estaban Mariano Rajoy, Arias Cañete, José Mª Aznar, Francisco Álvarez-Cascos… que non sufriron ningún custo político pola súa incompetencia. Nin tan sequera se creou unha comisión parlamentaria para investigar a xestión da catástrofe.

2. A xustiza non funciona

En outubro de 2012 iníciase o xuízo do Prestige e a acusación penal diríxese contra o capitán do barco, o xefe de máquinas, o primeiro oficial e José Luís López Sors, director xeral da Mariña Mercante, chibo expiatorio e único membro do Goberno que sentará no banco dos acusados. Serán xulgados por delitos contra os recursos naturais e o ambiente entre outros cargos.

Pero nin armadores, nin responsábeis da carga, nin políticos que tomaron as nefastas decisións pagaron nin van pagar por iso, posto que nin están imputados.

Como contraste a esta situación, en Francia condenouse á petroleira Total ao pagamento das consecuencias do afundimento do Erika nas costas de Bretaña en 1999. Deberá pagar máis de 200 millóns de euros aos municipios afectados.

3. As bandeiras de conveniencia seguen existindo

Boa parte das dificultades para identificar e condenar os verdadeiros responsábeis de traxedias como a do Prestige proveñen do armazón administrativo que oculta a súa responsabilidade. O Prestige era propiedade dunha sociedade con sede en Liberia, tiña unha bandeira de conveniencia de Bahamas –atopábase rexistrado na Autoridade Marítima dese país– e o petróleo que transportaba pertencía a unha sociedade comercial rexistrada en Xibraltar. A investigación de quen hai detrás destas empresas é moi complicada.

4. Continúa o tráfico de petroleiros, seguen os monocascos

O naufraxio do petroleiro Erika en 1999 supuxo mudanzas nas definicións de medidas de seguridade marítima dentro da Unión Europea: limitacións aos buques petroleiros de casco sinxelo, establecemento dun sistema comunitario de seguimento e información sobre tráfico marítimo, definición de medidas a tomar en caso de condicións meteorolóxicas adversas ou lugares de refuxio, etc.

Mais estas medidas son de difícil aplicación xa que realmente non hai interese de levalas á práctica. Moitas delas quedáronse en papel mollado.

5. Descoñecemos as consecuencias ambientais da vertedura

Hai acordo científico en que a traxedia do Prestige foi unha das peores que sufriu o noso litoral e medio mariño. Pero a pesar da magnitude dos danos, as consecuencias para o medio ambiente non se avaliaron adecuadamente, cun plan de seguimento e corrección que permita palialas na medida do posíbel. Queda moito chapapote enterrado en areais e fondos mariños.

6. Afeccións á saúde de voluntarios e voluntarias

Mariñeiros e habitantes do litoral e un gran número de persoas vindas de fóra –entre 125.000 e 300.000–, de forma voluntaria e a miúdo sen case ningún apoio da administración, traballaron extenuantes xornadas para retiraren a maior cantidade posíbel de chapapote da costa e da superficie do mar. Durante estas tarefas inhalaron unha prexudicial mestura de produtos químicos derivados do fuelóleo con negativas consecuencias para a súa saúde, que agora se van coñecendo.

Grazas a estudos de organismos científicos independentes, ningún promovido polo Goberno, hoxe sábese que as persoas que traballaron na recolla do chapapote vertido polo buque Prestige sufriron danos respiratorios que persistiron até dous anos, ademais de elevadas taxas de alteracións cromosómicas e incremento do risco de cancro.

7. Residuos sen tratar

Das costas e mares do noroeste peninsular retiráronse máis de 90.000 toneladas de residuos, pero non hai unha información clara de que ocorreu con boa parte deles. Por exemplo, aínda quedan 10.000 toneladas destes refugallos nunha planta das Somozas (A Coruña) á espera de que algunha administración subvencione o seu tratamento.

8. Falta de protocolos de actuación

As nosas augas litorais seguen sometidas a un intenso tráfico de petroleiros e moitos outros buques con mercadorías perigosas Que ocorrería se se produce un accidente con algunha destas naves? Estamos preparados para facer fronte a esta continxencia?

Na actualidade non hai operativo nin un só plan de continxencia no Estado español, o que mostra ás claras o desinterese e falta de vontade política para cumprir coa lexislación e os acordos vixentes para evitar este tipo de accidentes.

9. Custo económico da catástrofe

O custo económico da marea negra foi un dos máis altos da historia, cifrándoo algunhas estimacións, incluíndo a recolla do chapapote e o selado do buque, en máis de 10.000 millóns de euros. O Plan Galicia que deseñou o Goberno para reactivar a zona contemplaba un gasto de 12.500 millóns de euros.

10. Dependemos do petróleo

O peor de todo é que o noso modelo de desenvolvemento segue necesitando inxentes cantidades de petróleo para funcionar. Sempre que non mudemos drasticamente as nosas necesidades enerxéticas –reducindo o consumo e canalizándoo cara ás enerxías limpas– seguirá habendo un enorme fluxo de petroleiros e volveranse producir traxedias como a do Prestige.

O 13 de novembro de 2002 un petroleiro con 77.000 toneladas de fuelóleo atópase á deriva fronte ás costas de Muxía. Comeza así a catástrofe do Prestige.

O Prestige era propiedade dunha sociedade con sede en Liberia, Mare Internacional, que, co fin de limitar a súa responsabilidade, posuía un só barco. Esta actuación é habitual nos buques controlados polas navieiras europeas, que crean sociedades pantasma con este fin. As leis de Liberia non permiten coñecer con seguridade a identidade dos donos de Mare pero os armadores eran gregos.

O Prestige estaba rexistrado na Autoridade Marítima das Bahamas. Este Estado, do mesmo xeito que moitos outros, ofrece pavillóns de conveniencia aos armadores de todos os países, proporcionándolles vantaxes fiscais e administrativas e un menor control sobre seguridade. O petróleo que transportaba pertencía a unha sociedade comercial chamada Crown Resources, rexistrada en Xibraltar en 1996. Crown Resources é propiedade do grupo Alfa Group Consortium, cuxos intereses van desde o petróleo ao comercio, a agroindustria, as telecomunicacións e os medios de comunicación.

O cofundador do grupo é o multimillonario ruso Mikhail Fridman, que fixo a súa fortuna na privatización do patrimonio do Estado ruso. O outro cofundador é Pyotr Aven, ex ministro de asuntos exteriores. Como é habitual no negocio do petróleo na antiga URSS, existen relacións mafiosas dentro dalgunha empresa do grupo Alfa, como Tyumen Oil. O groso da tripulación eran filipinos con escasísima preparación e case nulos dereitos sindicais.

O barco fora revisado no 2001 en Guandong (China) nunha laboriosa reparación que obrigou a soldar partes importantes na súa chapa. No 2002 fora revisado en Abu Dabi, en ambas as ocasións pola empresa American Bureau of Shipping. Pode imaxinarse unha clase práctica máis completa do que é a globalización salvaxe?. A consecuencia desta irracionalidade é a vertedura, beneficios privados, danos colectivos.

O produto que transportaba o Prestige era fuelóleo, un residuo pesado da destilación do petróleo cru. O feito de ser un residuo pesado fai que a vertedura sexa máis prexudicial en comparación coas de cru, xa que da orde dun 50% destes últimos son compostos lixeiros (tipo gasolinas ou gasóleos), que se evaporan en cuestión de horas após a vertedura. Este fuelóleo úsase como combustíbel en centrais térmicas -para producir electricidade- ou en caldeiras industriais, e para alimentar motores diesel de grande potencia, como os dos buques.

Os efectos da vertedura tradúcense nunha redución da biodiversidade nas augas e costas afectadas por verteduras. A vertedura reduce a produción primaria neta do fitoplancto, xa que, por unha banda diminúe a intensidade da luz que chega a este, reducindo a fotosíntese e, doutra banda, o seu carácter tóxico afecta os organismos. O zooplancto vese prexudicado pola menor cantidade de fitoplancto dispoñíbel como alimento e, alén diso, ao inxerir o fuelóleo sofre os efectos tóxicos. O plancto, inxerido por outras especies mariñas, contamina a estas e a contaminación esténdese por todas as cadeas tróficas presentes (moluscos, peixes, aves mariñas…). Nos moluscos filtrantes, como os mexillóns, prodúcese unha acumulación de hidrocarburos que alcanza rapidamente niveis tóxicos.

O fuelóleo e a súa emulsión colmatan as branquias dos peixes, provocando a súa asfixia. O fuel adhírese tamén ás plumas das aves mariñas, pegándoas entre si -co que se dificulta ou impide o voo-, e obstruíndo á vez a saída das glándulas que excretan os produtos impermeabilizantes que permiten ás aves flotar e resistir o frío da auga. A auga entra en contacto coa pel das aves, e moitas morren de frío. Ao tentar limpar a súa plumaxe manchada, as aves inxiren fuelóleo, e intoxícanse, sufrindo danos renais, hepáticos, pulmonares e irritación intestinal.

Hai tamén unha mudanza na flora e fauna, cunha substitución de especies sensíbeis por outras máis resistentes e/ou oportunistas. Prodúcese, así, unha regresión do ecosistema afectado a etapas menos maduras. Por iso a vertedura afectará directamente a todos os seres vivos que colonizan as augas afectadas (Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, costa francesa).

Se tremenda foi a catástrofe, impresionante foi a resposta da sociedade, moi especialmente de mariñeiros, mariscadores e voluntarios que se entregaron nas tarefas de limpeza… fronte a unhas administracións central e autonómica ao principio desaparecidas e insistindo en minimizar a catástrofe, e descoordinadas e faltas de reflexos para resolver o problema despois. En poucas ocasións o poder e os seus intentos de ocultar a realidade víronse tan claramente superados polos feitos.

O xurdimento da plataforma Nunca Máis foi a expresión da autoorganización e o protesto chegando a realizarse mobilizacións impresionantes como a manifestación de Santiago (mais tamén en Vigo, A Coruña, Ferrol…). Todas elas nos últimos días do ano 2002. Durante moitos meses do ano 2003 continuaron as actividades de protesta que quizais tiveron o seu punto culminante na manifestación celebrada en Madrid o 23 de febreiro, xusto unha semana despois da manifestación contra a guerra.

Máis de trecientas mil persoas, segundo case todos os medios de comunicación desfilaron desde Atocha até a Porta do Sol esixindo responsabilidades pola catástrofe. Nesta, como noutras manifestacións, a presenza do mundo do espectáculo resultou descollante. Con motivo do aniversario do suceso, de novo as rúas de Santiago de Compostela foron escenario de importantes mobilizacións. As bandeiras de Nunca Máis seguían presentes, moitos meses despois, en miles de vivendas galegas.

Nas tarefas de reparación a presenza de voluntarios foi aínda visíbel e importante durante varios meses. A presenza do exército e de cuadrillas remuneradas, así como o avanzo da propia limpeza foi facendo menos necesaria a súa participación. A resaltar os paulatinos intentos dos Gobernos central e galego de reducir na etapa final o número de voluntarios, que mostraban ás claras a súa incompetencia e actuaban como incómodas testemuñas de cargo contra a pretensión de que todo estaba xa arranxado.