A partir do próximo luns desfilarán pola Audiencia Nacional varios dos principais responsábeis de grandes construtoras españolas. Foron imputados no marco da querela polos «papeis de Bárcenas» presentada para esclarecer a relación entre supostos donativos ao Partido Popular e a concesión de grandes proxectos de obras públicas. Ecoloxistas en Acción alertou durante anos sobre unha política de infraestruturas despilfarradora e insustentábel, tal e como demostra con datos contrastados.

A maior parte dos ingresos rexistrados na presunta contabilidade paralela do PP procedían dunhas poucas fontes: os presidentes de grandes compañías construtoras. Son supostos donativos con importantes contías efectuados por Villar Mir (OHL), Luis del Rivero (Sacyr), José Mayor Oreja (FCC) ou Alfonso García Pozuelo-Asins (Constructura Hispánica), entre outros. Desde o luns ás 4 da tarde até o mércores ás 7 responderán perante o xuíz Ruz, como tamén o farán directivos de Sando, AZVI ou Aldesa.

Autoestradas de peaxe ao bordo do resgate millonario, aeroportos baleiros, estacións pantasma. A realidade dun país con superávit de infraestruturas (coa marca europea de quilómetros de autovías e de alta velocidade ferroviaria) e déficit de todo o demais demostra que a política desenvolvida durante anos estaba moi afastada das necesidades sociais.

Por iso, para Ecoloxistas en Acción resultaba fundamental esclarecer os motivos e involucrouse na investigación. A organización presentou xunto a Esquerda Unida, a Asociación Libre de Avogados, a Asociación Xustiza e Sociedade e a Federación dos Verdes unha querela o pasado mes de febreiro. E fíxoo despois de comprobar que os donativos de directivos de grandes construtoras coincidían no tempo coa concesión de grandes obras públicas.

Ecoloxistas en Acción felicítase desta situación, nova no noso país, porque coida que a ruinosa política de infraestruturas de transporte que se seguiu no Estado español é a moi probábel consecuencia de dar prioridade a intereses ilícitos, como os que se dirimen agora, fronte ao interese común da cidadanía.

Só nesta clave é posíbel entendermos as aberrantes cifras da nosa política de infraestruturas de transporte:

Que haxa plans actuais para pechar 48 liñas de tren para aforrar 86,5 millóns de euros e que simultaneamente se vaia resgatar as concesionarias das autoestradas privadas de peaxe en quebra con 3.500 millóns de euros.

Que sexamos o país europeo con máis aeroportos baleiros e no que o xestor aeroportuario, Aena, ten maiores perdas. A súa débeda supera os 14.000 millóns de euros.

Que mentres se recorta en servizos sociais se sigan pedindo créditos ao BEI (Banco Europeo de Investimentos) para financiar obras como o AVE a Galicia: 3.000 millóns de euros obtivéronse o ano pasado, malia saberse que este tren só ten demanda para xustificar 3 trens diarios por sentido. Toda a liña custará 8.517 millóns de euros.

Que se invista 4.500 veces máis por cada usuario do AVE que de proximidade (en 2012 investíronse 4.188 millóns de euros para o AVE fronte a 28 millóns en Proximidades, a pesar de que neste último viaxan 30 veces máis pasaxeiros).

En definitiva, para Ecoloxistas en Acción a estrutura hipertrófica da nosa rede de infraestruturas de transporte e o lastre económico que supón só se explica se hai alguén que obtivo grandes beneficios da súa construción. Se ademais eses contratos de grandes obras conseguíronse de forma ilícita é unha das cuestións que se dirimen no proceso da querela Bárcenas.

Lista de declaracións previstas

Luns 27 de maio de 2013:
- 16:00 h: Alfonso García Pozuelo-Asins (Constructora Hispánica)
- 17:00 h: Juan Miguel Villar Mir (OHL)
- 18:00 horas: José Luís Sánchez Domínguez (SANDO)

Martes 28 de maio:
- 16:00 h: Luís del Rivero Asensio (Sacyr Vallehermoso)
- 17:00 h: Manuel Contreras Ramos (AZVI)
- 18:00 h: Juan Manuel Fernández Rubio (Aldesa)

Mércores 29 de maio:
- 16:00 h: D. José María Mayor Oreja (FCC Construción)
- 17:00 h: Antonio Vilella Xerez (Rubau)