PDF - 884.9 KB
Biofuels—At What Cost? A review of costs and benefits of Spain's biofuel policies

A industria española dos agrocombustíbeis recibiu perto de 1.200 millóns de euros anuais en forma de obxectivos de consumo obrigatorio e exencións fiscais, malia os pobres resultados do sector na creación de oportunidades de emprego e desenvolvemento rural, mellora da seguridade enerxética a nivel estatal e redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). A produción de carburantes de orixe vexetal en España segue realizándose maioritariamente con materias agroalimentares importadas, cos impactos negativos que iso supón para terceiros países.

Así se conclúe nun novo estudo titulado Biocarburantes – A que custo? Unha revisión dos custos e beneficios das políticas españolas de biocarburantes. Carece de sentido seguir apoiando esa produción con políticas e recursos públicos, como subliña Ecoloxistas en Acción a dous días dunha votación decisiva no Parlamento Europeo.

“Pagamos demasiado por case nada”

O informe, realizado polo Instituto Internacional de Desenvolvemento Sustentábel, toma 2011 como base de estudo para avaliar os custos e beneficios derivados das políticas actuais na materia. Ese ano a industria española de agrocombustíbeis recibiu entre 1.168 e 1.239 millóns de euros en forma de obxectivos de consumo obrigatorio e exencións fiscais. Os primeiros teñen un efecto á alza sobre os prezos dos agrocombustíbeis na Unión Europea (cando se comparan cos prezos medios nos mercados internacionais), que pagan os e as condutoras. As exencións fiscais, en cambio, supoñen unha perda de recadación para as finanzas públicas, que pagan todos os e as cidadás en tempos de recortes asfixiantes no gasto social ou ambiental. Esta cifra, ao ser comparada coa achega do sector ao PIB de 426 millóns de euros (segundo datos da propia industria, APPA), leva á organización ecoloxista a concluír que, desde unha análise económica convencional, trátase dun mal uso dos recursos públicos.

Máis importante aínda é que ningún do tres obxectivos polos que a Unión Europea decidiu impulsar o consumo de agrocombustíbeis está a cumprirse: nin redución de emisións GEI, nin unha maior seguridade enerxética, nin oportunidades de emprego e desenvolvemento rural. E é que o biodiesel supuxo en 2011 máis de catro quintas partes do mercado total de agrocombustíbeis, acaparando a maior parte das axudas. O beneficio na economía rural española é case inexistente se se ten en conta que ese biodiesel fabricouse en máis dun 95% a partir de materias primas importadas: soia arxentina e palma de Indonesia. Ademais ambos os casos presentan unhas emisións indirectas de GEI que anulan calquera hipotético aforro de emisións atribuído aos agrocombustíbeis. De feito, o estudo estima que, lonxe de reducir as emisións de GEI, ao considerar as emisións xeradas polas mudanzas indirectas de uso do solo (ILUC), os agrocombustíbeis consumidos no Estado español supuxeron un incremento de 6,5 millóns de toneladas de CO2 emitidas á atmosfera en 2011.

“Cando coñecemos datos sobre o retorno á sociedade española, a conclusión é clara: pagamos demasiado por case nada, e non ten ningún sentido seguirmos apoiando con políticas e recursos públicos estes produtos», explica Abel Esteban, voceiro de Ecoloxistas en Acción. O efecto noutras sociedades é máis grave aínda. “A actual produción e consumo de agrocombustíbeis está vencellada a importantes impactos socioambientais nos lugares de cultivo das súas materias primas, como deforestación, acaparamento de terras e expulsión de comunidades campesiñas, competencia coa alimentación (que afecta principalmente ás capas sociais máis humildes) ou fomento de monocultivos industriais”, apunta Esteban.

Votación decisiva no Parlamento Europeo

O caso español é extensíbel a nivel comunitario. O vindeiro mércores, os eurodeputados votarán unha proposta da Comisión Europea para reformar os aspectos relativos ao fomento de biocarburantes e as emisións verbo das políticas europeas de agrocombustíbeis e son moitas as organizacións que esixen un cambio de rumo.

Ecoloxistas en Acción súmase a esa petición, que inclúe as seguintes medidas:
- Que se limite ao máximo o consumo de agrocombustíbeis, incluíndo tamén aqueles procedentes de cultivos enerxéticos (árbores de crecemento rápido, xatrofa…) e Organismos Xeneticamente Modificados (transxénicos).
- Que se inclúa na contabilidade das emisións (GEI) dos agrocombustíbeis as emisións debidas aos ILUC, para que deste xeito só se apoien con diñeiro e políticas públicas biocarburantes «bos para o clima».
- Que o consumo dos denominados biocarburantes de segunda xeración ou avanzados se fomente só baixo o estabelecemento de estritos criterios de sustentabilidade.