PDF - 180.6 KB
[Informe] Glifosato

A rede de acción sobre praguicidas PAN Internacional elaborou un monográfico sobre o herbicida máis utilizado do mundo, o glifosato, cuxa tradución ao castelán foi realizada e presentada por Ecoloxistas en Acción. O informe recompila abundante información científica sobre os seus efectos para a saúde e o ambiente, e pon en alerta a reguladores, gobernos e persoas usuarias de todo o mundo.

Ademais de advertir dos efectos adversos do glifosato, o informe tamén contén unha sección útil na xestión alternativa de malezas e proporciona información sobre unha ampla variedade de enfoques non químicos para o control de malezas en diversas situacións.

Para as entidades que participaron no informe, a forte publicidade e labor de mercadotecnia de Monsanto, o principal fabricante e inventor de glifosato, baixo a súa marca Roundup, deu lugar á percepción xeralizada de que o produto químico é “seguro», a pesar das crecentes evidencias científicas e denuncias sobre os seus danos para a saúde e o medio.

O documento presentado por Ecoloxistas en Acción achega unha detallada revisión sobre os efectos adversos para a saúde humana do herbicida. Intoxicación aguda, dano en ril e fígado, desequilibrios na microflora intestinal e o funcionamento intestinal, cancro, alteracións endocrinas, diminución da fertilidade e danos no desenvolvemento fetal, danos neurolóxicos e disfunción do sistema inmune, son algúns dos efectos sobre a saúde recollidos.

O glifosato está clasificado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como «probabelmente canceríxeno» e está incluído na «lista de praguicidas altamente perigosos» de PAN Internacional A rede global está a chamar a substituír o herbicida por enfoques agroecolóxicos para o manexo de malezas en sistemas de cultivos diversificados e para situacións que non son de cultivo.

O glifosato está a utilizarse amplamente como herbicida en agricultura e en ocasións como desecante antes da colleita, con moita intensidade sobre cultivos transxénicos, o que supón que queden residuos sobre os nosos alimentos. Tamén é amplamente utilizado nos hortos familiares e os lugares públicos, incluídos os bordos da estrada, parques e xardíns. Debido a iso numerosas publicacións acharon residuos deste herbicida en pan, cereais, cervexas ou mesmo na auga para beber.

Todas as análises levadas a cabo sobre a súa presenza nos ouriños humanos ofreceron datos positivos tanto na poboación europea como americana. En EE UU chegouse a detectar mesmo no leite materno.

Como resultado, están a aumentar drasticamente as prohibicións e restricións nacionais, así como a acción voluntaria das autoridades locais para reduciren o seu uso. Sri Lanka foi o primeiro país en prohibir o seu uso por completo; Italia prohibiu o uso de pre-colleita e o uso en lugares públicos; Francia está a eliminar gradualmente o seu uso nas cidades e zonas comúns.

Os impactos ambientais que se detallan na monografía son tamén alarmantes, e inclúen efectos adversos sobre o funcionamento dos ecosistemas, os servizos de polinización, o control biolóxico, a fertilidade do solo e a saúde dos cultivos. Os residuos son comúns no medio ambiente, mesmo na auga de choiva, en augas superficiais e subterráneas, e no medio mariño.

O glifosato pode persistir nalgúns solos até tres anos e hai evidencia de bioacumulación. A resistencia a glifosato rexístrase agora en 35 especies de malezas e en 27 países, na súa maioría causados polo uso repetido de glifosato en cultivos transxénicos, a agricultura sen labranza e o uso de equipamento.