Crónica dun envelenamento

O lindano era o principio activo de boa parte dos insecticidas que se comercializaron durante máis de tres décadas ata finais dos setenta cando se prohibe o seu uso agrícola por ser canceríxeno.

Non hai peor veleno que a conxunción da ignorancia de moitos e a avaricia duns poucos. A dirección da compañía Zeltia, con sede no Porriño e fabricante de lindano entre 1948 e 1964, deixou que os seus propios traballadores sacásenlle das mans este produto canceríxeno levando de aguinaldo un futuro envelenado.

Máis de medio século despois, fortuitamente unhas obras de saneamento en Torneiros (O Porriño) descubriron a herdanza maldita, máis de mil toneladas de residuos cristalizados que, na crenza de que se trataba de materiais inertes, foron empregados como grava en camiños particulares e firme baixo o asfalto de estradas.

Estas verteduras van contaminando lenta pero persisténtemente os acuíferos da zona agravando o envenelamento, xa que nesta parroquia rural unha gran parte das vivendas son unifamiliares que se abastecen de auga ben cun pozo particular ou a través de pequenas comunidades de auga. O propio río Louro que dá nome a esta comarca da Louriña rebasa todos os límites permitidos por contaminación de lindano.

Tamén chamado caolín non só o atopamos nas verteduras industriais, ademais está esparexido por multitude de casas agrícolas cuxos donos o usaron como firme para “asfaltar” os camiños de acceso a metade do do século pasado.

A consciencia colectiva deste lento envelenamento tivo un leve espertar en 1996 cando veciños e veciñas da parroquia de Torneiros denunciaban que vivían nunha polvoreira química soportando a diario un persistente cheiro a insecticida.

As súas vivendas de protección oficial foran construídas en 1975 nos terreos onde se aloxou a fábrica de Zeltia sen unha descontaminación adecuada da zona. Cunha operación de control das verteduras meramente cosmética o goberno local xunto co autonómico volveron soterrar a consciencia xunto co veleno.

Un parque infantil e unha pista deportiva maquillaron os terreos contaminados.

Igual sucedese esta vez, a alarma social xerada fose sufocada de novo se non mediase a marea municipal do Porriño. A súa implicación está a impedir que as autoridades boten terra ao asunto co seu sempiterna dose de promesas para os mansos e descualificacións para os rebeldes. A actuación de EU SON Porriño está a desenvolverse tanto na rúa, organizando diversas asembleas informativas para a veciñanza como nas institucións, demandando solucións e esixindo responsabilidades no consistorio onde teñen representación e no Parlamento Galego coa colaboración En Marea.

As asembleas informativas realizadas por EU SON Porriño están tendo unha altísima participación do vecindario afectado. Agora creouse unha plataforma de afectadas/os que se autoorganice e lidere a mobilización.

Imprescindible manter a presión mediática a través da mobilización popular constante para que os plans de análises e posterior descontaminación dos terreos afectados anunciados pola Xunta de Galicia non queden outra vez en auga de borrallas.